Queremos cos ósos da nosa testa
crocar na túa testa de pedra,
Mestre Mateo.
Andamos polo mundo con medo.
Aínda temos medo,
coma ti, Mestre Mateo
quixeramos perder ese medo
aos homes, aos deuses, ás cousas,
a todo o que non sabemos.
Solicitar perdón pola nosa obra.
E non sabemos a quen.
Quizais
aos homes, aos deuses, ás cousas.
Desde moi lonxe vimos caminando
para atopar cos ollos
esta terra nosa.
Túa e nosa, Mestre Mateo.
Para dar coa nosa testa de ósos
na túa testa de pedra,
e dicir a esta terra:
"Témoste levado sempre connosco
ao través do mar e do deserto
entre homes cobizosos e vagamundos
temendo perdernos.
Agora que estamos sós e é tarde
vimos desde moi lonxe,
desde as sombras,
como tantos outros viñeron antes
a ofrecerche unicamente,
terra:
A nosa morte.
Amén.
Luis Seoane (Na brétema, Sant Yago)